Silicon Valley volve florecer. Os parques empresariais que seguen a autopista 101 están decorados de novo cos logotipos de empresas emerxentes cheas de ilusión. Os alugueres están aumentando e, con eles, a demanda de vivendas estivais en cidades de vacacións, coma a do lago Tahoe, o que indica que se están a acumular riquezas. A área da Baía de San Francisco é o lugar de nacemento da industria dos semiconductores e das empresas informáticas que creceron grazas a ela. Os seus feiticeiros crearon moitas das marabillas que fan que o mundo pareza futurista, dende teléfonos táctiles ou procuras instantáneas en grandes bibliotecas á capacidade de pilotar drons a miles de quilómetros de distancia. A resurrección da súa actividade dende o ano 2010 suxire que o progreso segue en marcha. Por todo isto, pode sorprender que haxa xente en Silicon Valley que cre que o val está estancado e a innovación leva décadas desacelerando. Peter Thiel, cofundador de PayPal e o primeiro inversor externo de Facebook, di que a innovación nos EUA está «nalgún punto entre en perigo de extinción e morta». Enxeñeiros de todo tipo de ámbitos comparten os seus sentimentos de desilusión, e un pequeno grupo (aínda que en crecemento) de economistas pensa que as innovacións de hoxe en día palidecen en comparación coas do pasado no que se refire ó seu impacto económico. [ … ] En xeral, as innovacións alimentadas polo abaratamento da potencia de procesado están en ascenso. Os ordenadores comezaron a comprender a linguaxe natural. Hai xente controlando videoxogos exclusivamente mediante movementos corporais, unha tecnoloxía que pronto podería ser aproveitada por unha gran parte do mundo dos negocios. As impresións en 3D poden producir obxectos cada vez máis complexos, e pronto poderían evolucionar a tecidos humanos e outros materiais orgánicos. Os pesimistas sobre innovacións poderían pensar que isto terá lugar «non hoxe, mañá». Con todo, a idea de que o crecemento impulsado pola tecnoloxía só pode ser continuo ou entrar nunha desaceleración constante, non ter altos e baixos, non se reflicte na historia. Chad Syverson, da universidade de Chicago, indicou que a produtividade creceu ós tombos na era da electrificación. A finais do século XIX e comezos do XX, un tempo de importantes innovacións eléctricas, o crecemento foi lento, e só comezou a despegar con posterioridade. | Entry #26164 — Discuss 0 — Variant: Not specifiednone
|